O referendo sobre o ‘Brexit’ ou cando as ideas non son de balde
Gran Bretaña é un membro moi particular da Unión Europea. Debedora da súa histórica desconfianza cara á acumulación de poder no continente e interesada en participar nun club capitalista que lle reporta suculentos beneficios –despois de todo, Londres é a principal praza financeira de Europa–, sempre procurou defender a súa autonomía verbo de Bruxelas. Non formou parte do núcleo fundador da Unión, e cando finalmente logrou adherirse ao proxecto, en 1973 –tras vencer a resistencia de Francia–, o seu peso económico, político e militar permitiulle axiña atopar un encaixe especial. Así, o Reino Unido non adoptou o euro nin entrou no espazo Schengen. En realidade, os británicos non se abandonan a soños europeístas; o que queren, basicamente, é formar parte dunha zona de libre comercio. Pero os avances na construción europea foron dándose igualmente e supoñen un silencioso pero innegábel cuestionamento da soberanía e o conseguinte auxe das posicións isolacionistas, proteccionistas e contrarias á inmigración.
Nos comicios de maio de 2015, David Cameron comprometeuse a convocar un referendo sobre a permanencia do seu país na Unión Europea se gañaba as eleccións. Aquela promesa debía preservar a unidade do Partido Conservador, profundamente dividido nesta cuestión, e frear o ascenso da dereita populista e eurófoba representada polo UKIP. Resultou ser unha táctica proveitosa: Cameron conservou o seu cargo de primeiro ministro. Para poder defender a permanencia do Reino Unido na UE na consulta que fixou para o 23 de xuño de 2016, Camerou volveu confiar na súa sorte como xogador e negociou as condicións no Consello Europeo do 18 e 19 de febreiro. E fíxoo nun momento óptimo, cando a libre circulación de persoas empeza a cuestionarse radicalmente, o euro amosa os seus graves problemas e non hai expectativa ningunha dun proxecto europeísta medianamente ambicioso. Tras negociar os catro grandes temas que lle interesaban –a gobernanza económica, a competitividade, a soberanía e as prestacións sociais aos europeos residentes–, o que conseguiu foi, en última instancia, un acordo posibelmente impugnábel en vía xudicial (polo menos no tocante á discriminación por razón da nacionalidade) e desde logo vergoñento para o proxecto europeo, pero bastante bo para vender agora na casa: o país queda á marxe de eventuais progresos na integración europea e consegue máis autonomía política (por exemplo, para implementar políticas sociais regresivas) ao tempo que conserva todas as vantaxes derivadas da pertenza ao mercado interior europeo.
Aseguradas as concesións dunha UE temerosa de debilitarse aínda máis coa marcha dun socio tan importante como o Reino Unido, o gobernador do Bank of England saíu inmediatamente a avogar pola permanencia do seu país na UE nas condicións pactadas. Nada estraño, se se ten en conta o problema que tería a City se o fluxo de capitais que canaliza se vise dificultado polo Brexit. O mesmo fixeron o propio Cameron, o chanceler de Facenda e o ministro de Estado para Europa. De feito, nos tres meses que aínda faltan para o referendo imos asistir a unha agresiva campaña, nacional e internacional, dirixida a convencer a cidadanía de que unha saída da Unión situaría o país nun limbo e sería unha catástrofe. Pola contra, Boris Johnson, o estrafalario alcalde conservador de Londres (que pasou, por certo, a súa infancia en Bruxelas e non estaba considerado un antieuropeísta), apresurouse a anunciar o seu voto favorábel á saída do Reino Unido da UE cun argumento moi representativo: “They want to create a truly federal union, e pluribus unum, when most British people do not”. Parece a ousada forma de perfilarse dun político que, para poder seguir aspirando ao posto de primeiro ministro, precisa gañar apoios fóra da súa cidade e descolocar a Jeremy Corbyn como líder da oposición; arriscando de paso, obviamente, a súa credibilidade entre as elites financeiras da City. Os laboristas non se converteron en europeístas convencidos até finais dos anos oitenta do século XX, e Corbyn, que xa ten abondo problemas para controlar o partido, non podería defender a saída aínda que quixese –que posibelmente querería: expresou a súa postura favorábel á permanencia na Unión nuns termos que non poderían ser máis fríos–, malia que hai un sector do propio Partido Laborista que, organizado no grupo Labour Leave, empeza a mobilizarse a prol do Brexit por mor do carácter antidemocrático e antisocialista da Unión.
Esta podería ser, en efecto, a oportunidade perfecta para reorientar por fin as desastrosas políticas neoliberais da Unión. Pero tamén desataría en Europa unha crise institucional sen precedentes e de incerto desenlace. Por suposto, o Brexit sería moi custoso para unha economía tan fortemente entrelazada coa do continente como a británica, por non falar de que o Reino Unido quedaría nunha posición política moi incómoda verbo dos seus antigos socios –comparábel, por exemplo, á de Suíza–, xa que, para poder acordar unha relación bilateral, tería que aplicar toda a prolixa normativa comunitaria sen poder participar na súa elaboración. E non debemos esquecer a posibilidade de que en Escocia se volvese convocar un referendo de independencia, esta vez co obxectivo de garantir a permanencia da nación na UE; de feito, o Scottish National Party xa anunciou que, se gaña as eleccións de maio, lanzará unha campaña neste sentido. Todo isto, que será ampla e intensamente debatido antes da consulta, fai pensar que, malia o actual empate técnico entre as posicións favorábeis e contrarias ao Brexit e mais a considerábel bolsa de voto indeciso aínda existente, a cidadanía británica decidirá finalmente permanecer na UE, animada polos medios máis respectados –The Guardian ou The Economist, por exemplo, que se sitúan nos antípodas do poderoso grupo de Rupert Murdoch (cuxo euroescepticismo quizais mude cando vexa ameazada a expansión do seu negocio en Alemaña e Italia)– e co inestimábel e discreto apoio da City e do empresariado. O cidadán medio vive moi inmerso na cultura anglófona e apenas se interesa polo que sucede no continente. Non lle ten simpatía á Unión, pero Europa tampouco forma parte das súas principais preocupacións. Agora, a pregunta real que cada votante terá que contestar é se o seu país vai ser máis ou menos soberano se opta por saír da UE. Porque unha cousa é defendermos unha idea cando nos sae gratis e outra ben distinta facelo cando se nos coloca a factura diante. En Galiza e en España, os responsábeis políticos que impiden e os probos cidadáns que rexeitan o referendo en Cataluña deberían ir aprendendo esta valiosa lección.
Ash, Timothy Garton, “Here’s how to argue with a Brexiter – and win”, The Guardian, 20 February 2016.
Carney, Mark, The Governor's letter to Rt Hon Andrew Tyrie MP, 7 March 2016.
Corbyn, Jeremy, “Cameron’s deal is the wrong one: but Britain must stay in Europe”, The Guardian, 20 February 2016.
Economist, The, “The real danger of Brexit”, The Economist, February 27th 2016.
Johnson, Boris, “There is only one way to get the change we want – vote to leave the EU”, The Telegraph, 22 February 2016.
Mann, Jim, “Britons and Europe: the survey results”, The Guardian, 20 March 2016.
Meyer, Henning, “Here Is Why Brexiters Are Completely Wrong On Trade”, Social Europe, 22 February 2016.
Palmeri, Tara, “Swiss to UK: You’ll miss being at the EU table”, POLITICO, 16.03.2016.
Spence, Alex, “David Cameron unleashes ‘project fear’”, POLITICO, 26.02.2016.
Vélez, Antonio M., “John Hilary (War on Want): ‘Es mejor que Reino Unido salga de Europa, es como un cáncer para la UE’”, eldiario.es, 20.02.2016.