O amor prohibido da furna da Buserana
Din que Muxía é unha das portas cara o alén, porto da derradeira viaxe das almas cara a terra da que endexamais se pode voltar. As lendas asoman en cada recuncho desta vila mariñeira. Hai tantas coma as ondas que van morrer ós cantís ós pés da igrexa da Nosa Señora da Barca.
A pouca distancia da vila, entre a cala de Lourido e a praia de Arnela, existiu un castelo, no actual Castelos de Moraime, en tempos que ninguén recorda. Alí vivía un nobre cunha filla fermosísima de nome Frolinda. Nunha das ausencias do nobre, por mor das guerras, un trobador chamado Buserán chegou ó lugar e, coñecedor da fermosura de Frolinda, tentou namorala coas súas cantigas de amor. Noite tras noite acodía ó castelo a recitar os seus versos engaioladores. E paseniñamente foi nacendo o amor entre eles.
Unha vez voltado da batalla, o nobre enterouse desta relación e pohibiu o romance, castigando a Frolinda a un encerro nun aposento incomunicado e expulsando a Buserán das súas terras. Lonxe de morrer, o amor entre ambos creceu, xa que o prohibido alimenta as paixóns e as eleva a súa máxima expresión.
Na escuridade protectora da noite, Buserán camiñaba ata o máis alto da colina para cantar os versos de amor que alimentaban o seu corazón. Enfurecido, o nobre ordeou capturalo e arroxalo ó mar, caendo as súas cantigas no esquecemento.
Días despois, o encerro de Frolinda chegou a súa fin e, tras saber tráxico desenlaxe do seu amado, a loucura nublou calquera chisco de razón. Esnaquizada pola dor, pasaba as noites camiñando descalza pola beira do mar, derramando bágoas de mágoa polo seu amado.
Nunha desas noites, un criado foi correndo a relatarlle ó nobre a noticia que un pai endexamais quere escoitar, a morte da súa filla. As derradeiras verbas que Frolinda pronunciou foron "¿Onde te atopas Buserán?", momentos antes que a escuma dunha onda coa forma do trobador abrazouna, levándoa consigo ó máis fondo da furna onde descansan xuntos e en paz para toda a eternidade.
Esta lenda sobreviviu ó paso do tempo gracias ó recordo das xentes, que no quente do lume das lareiras, a recitaron ano tras ano e século tras século. Foron os escritores os encargados de transportala á eternidade da escrita. Ramón Caamaño ou Otero Pedrayo provocaron o renacemento do amor de Frolinda e Buserán a través dos seus relatos, mentras que o poeta muxián Gonzalo López Abente logrou transmitir a fermosura da abrupteza deste rochoso lugar a través dos versos do seu poema A Buserana, publicado no 1925.
Hoxe en día, ó pisar este mesmo lugar, o noso ollar quedará abraiado polo bater do bravo mar e o ronco son que fuxe do interior da furna cara a liberdade do exterior. E deste son, os mariñeiros da vila afirman que nas noites de treboada aínda se poden escoitar os engaioladores versos do amor eterno entre Buserán e Frolinda, que ficarán abrazados no máis fondo da furna ata a fin dos tempos.














