A CELEBRACIÓN DO TEATRO en COMMEDIA, UN XOGUETE PARA GOLDONI de Contraproducións na 34 MIT RIBADAVIA. Por Afonso Becerra de Becerreá
COMMEDIA, UN XOGUETE PARA GOLDONI de Contraproducións, en coprodución coa 34 MIT Ribadavia, estreouse con éxito no Auditorio Rubén García do Castelo o 14 de xullo.
O espectáculo é unha reposición daquel que se estreara na Mostra de Ribadavia hai 25 anos. Unha peza de Cándido Pazó que xunta, con moita habelencia, algúns dos recursos máis divertidos e teatrais da Comedia da Arte italiá.
Os “lazzi” da “Commedia dell’arte” son xogos escénicos que mesturan certas pautas de improvisación, baseadas nos caracteres típicos da Comdia da Arte (os criados e serventas, os señores, os capitanes, os doutores, os taberneiros e cociñeiros... caricaturas de certos trazos de caracter: a picaresca e a bonomía dos criados, a ambición e a tacañería dos señores, a presunción e fanfarronería dos militares, que resultan, finalmente, uns desgraciados e medosos, a astucia e a comenencia dos taberneiros, cociñeiros e comerciantes, a pomposidade vacua dos doutores, etc.), mesturadas estas pautas de conduta para as improvisacións, con acrobacias, mimo, música, canto e baile.
Todo isto aparece deliciosamente articulado en Commedia, un xoguete para Goldoni.
O elenco, integrado por Víctor Mosquera (actor e Arlequino), Marcos Orsi (actor e Pantalone, xunto a outros personaxes), Nuria Sanz (actriz e Arxentina, a criada de Pantalone, esposa de Arlequino), Sergio Zearreta (actor e Capitano), Avelino González (actor e Taberneiro) e César Goldi (actor e Xuíz Doutor), realizan un traballo moi físico e sorprendente pola súa axilidade e ritmo de comedia.
Hai, en todo este elenco, un magnífico traballo de grupo, pleno de escoita e empatía que, sen dúbida, se contaxia ao público. Isto dá lugar non só á diversión que implican as peripecias da historia de Arlequino, que co anel máxico perde a memoria ata o punto de non recoñecer nin á muller, nin a amigos ou inimigos, senón tamén a unha simpatía xeral entre artistas e público, extremada en momentos de riso extraficcionais, cando rimos en complicidade cos actores, nese desdobramento metateatral tan rendible, no que os actores e a actriz entran en saen dos personaxes.
Os personaxes son como os bonecos dun xoguete cómico, cos que os actores e a actriz, entre músicas, chanzas, bailes, cantos e piruetas, fan as nosas delicias.
A “bonequización” ou “marionetización” é un mecanismo cómico de primeira orde, cando se fai para efectuar unha caricatura tenra e humorística de algúns comportamentos humanos, exaxerándolles ese lado risible.
A “bonequización” conséguese, ademais, pola repetición dun repertorio de movementos e xestos característicos e diferenciadores de cada personaxe. A isto súmanselle os efectos sonoros e musicais que acompañan algúns dos seus desprazamentos e gags: caídas e piruetas subliñadas por sons de cordas frotadas ou de chifres e asubíos, ruxir de moedas invisibles co clin-clín duns crótalos, renxer das tripas coa fame con onomatopeas que o exaxeran, etc.
Os gags, de cerna case circense, implican piruetas e acrobacias sinxelas, entre as reverencias, as carreiras e os chimpos.
O deseño do espazo escénico, a indumentaria e a caracterización de Suso Montero, quen recibiu o Premio de Honra Roberto Vidal Bolaño da 34 MIT Ribadavia 2018, xunto ao tamén escenógrafo Carlos Alonso, recrean aquel teatro das compañías ambulantes da Comedia da Arte italiá, estilizándoo de xeito metateatral. Ou sexa, facendo que se vexa que é unha cita plástica e icónica daquel teatro lendario, e fuxindo, moi intelixentemente, da realización dun historicismo realista museístico.
Os paneis pintados, que recrean os decorados dun teatro mítico, e a tarima acolchada e forrada de veludo granate, no centro do palco, co espazo circundante para que se movan os actores e a actriz, tocando instrumentos, animando a función que acontece enriba desa tarima, na que os personaxes son os bonecos dun conto fantástico, todo, incluídos os instrumentos musicais de inspiración antiga, está ao servizo do divertimento teatral.
O espectáculo vén a ser un compendio e unha celebración das convencións teatrais máis tradicionais de occidente, herdadas da comedia antiga grega, dos tipos que xa aparecían nas pezas de Menandro (342-292 a.C.), que foron retomados polo comediógrafo romano Plauto (254-184 a.C.), e popularizadas nos “canovacci” das compañías da Comedia da Arte italiá (desde mediados do século XVI ata comezos do XIX), que Goldoni (1707-1793) recolle e complexiza en pezas tan famosas como Arlecchino, servitore di due padroni (1745).
Ademais dun compendio e unha celebración dos pactos de xogo máis tradicionais e paradigmáticos da comedia occidental, esta peza de Cándido Pazo galeguiza, ou mellor aínda empregar o verbo de Cunqueiro: “anosa”, fai nosa, esa tradición ao recuperar dela aqueles aspectos que lles sentan como un guante aos actores e á actriz do elenco galego.
Van, polo medio, chiscadelas á actualidade galega, e condúcese todo desde a musicalidade do sotaque galego e unha modulación do humor máis atlántica ca mediterránea, que foxe do escatolóxico e se ergue sobre aspectos máis ligados ao fado e á morriña, nese xogo co que Arlequino esquece ou lembra, tambén en relación directa coa morte, cando o Doutor Xuiz analiza ao supostamente defunto Arlequino. Estar morto ou vivo só é cuestión, como quen di, de lembrar ou non lembrar e, sobre todo, de non perder o humor.
Unha peza, esta Commedia, un xoguete para Goldoni, que nos invita a rir das complicacións que tanto a memoria como a desmemoria nos poden provocar.
Fotos de Rosinha Rojo.













