Un ano, dúas festas e mil agasallos
E así transcorreu o primeiro aniversario de Violeta...
Unha festa rural fermosísima (tan fermosa que a miña sogra chamou por teléfono ás veciñas para presumir de horta) na casa dos avós ferroláns, na que xuntamos amigos e familias para facer o que máis nos gusta: comer e beber. Á volta, en Vigo, tamén algunhas das nosas amizades da urbe pasaron por casa tomar un anaco de torta. E é que a ocasión ben merecía dúas festas.
Con respecto aos agasallos, ás xa non poucas posesións de Violeta agora hai que sumar unha morea de contos (con sons, con texturas, para o baño...), outra de xoguetes e bonecos, varios quebracabezas, unha mini-vaixela, tres pares de zapatos e un de zapatillas, varias pezas de roupa (vestidos, camisetas, pantalóns…), unha cadeira para cando saiba sentar soa, unha lámpada e -ATENCIÓN!- a súa primeira explotación agrícola cos seus apeiros de labranza e mesmo sementes de cenoria, leituga e tomates da que, evidentemente, encargarase a súa nai, porque se espera por min vai apañada. En definitiva, case 2 metros cadrados de regalos aos que agora teño que buscar sitio nunha casa de apenas 63. Por favor, para Reis regaládelle un pendello no que poidamos gardar todo. Grazas.











