E se desbotamos o término 'homofobia'?
[18/02/2019]
Ángel Amaro
Dende fai décadas hai un debate aberto no seo do movemento LGBT en torno ao término “homofobia”. Principalmente porque cando se enuncian nunha conversa as expresións insulto homófobo ou acoso homofóbico tende a invisibilizarse (androcentrismo) que ese insulto ou acoso puderon ter sido lesbofóbicos. Inferimos de xeito automático que os suxeitos receptores desas agresións son homosexuais homes, é dicir, gais.
Pódese dicir que o término homofobia invisibiliza o término lesbofobia porque se tende a empregar o primeiro como “concepto paraugas”. Mais cal é o resultado desta “estratexia homoinclusiva”? Pois que a gainormatividade invisibiza, consciente ou inconscientemente, a realidade lésbica. Por esta razón son múltiples os términos que dende os anos 70 se veñen empregando de xeito alternativo ao de “homofobia”. Maricafobia, bollofobia, gaifobia ou lesbofobia. Estamos ante catro palabras cargadas de sexodisidencia ben enunciada que non invisibiliza a carga identitaria específica de homes e mulleres homosexuais. Sen dúbida algunha amósanse como boas ferramentas pra visibilizar de forma óptima as diversas maribollofobias existentes.
Por esta razón dende os anos 70 milleiros de gais e lesbianas deixan de empregar o constructo “fronte homosexual” pra comezar a usar o de “coordinadora gai-lesbiana”. Deste xeito nunha etapa moi temperá do movemento LGBT comeza a visibilizarse un forte recelo hacia o término “homofobia” ou “homosexual”. Considérase naquela altura que son constructos ainda moi ligados ao discurso patoloxizante de psiquiatras e neurocientíficos. A sexodisidencia maribollo opta por enunciar a súa especificidade facendo que caia en desuso o término “homo”, percibido xa como un corsé reducionista con pouca potencialidade pra torpedear os alicerces heterocéntricos.
Por outra banda pódese concluír que empregar o “paraugas homofobia” tampouco visibiliza ou focaliza a atención na violencia plumofóbica que é unha opresión específica imbricada, case sempre, á gaifobia e á lesbofobia. No activismo o concepto plumofobia é máis útil na incidencia política que a enunciación “homofobia”. Neste sentido está moi extendido o concepto “transmaribibollera” e non o de “transhomobi”. A emerxencia maribollo é vista como algo fundamental na desarmarización integral do discurso.
Pódese dicir que estamos nunha época “post-homo”. Fai anos gais e lesbianas iniciamos un ciclo histórico de calado pra visibilizar con intensidade as cosmovisións maricas e bolleras. E sí, nesta viaxe militante iso de “homo” parece que non nos serve moito.
Na actualidade conceptos como maricafobia e bollofobia zarandean con máis efectividade as raíces vigorosas da heteronorma. Pódese dicir que este tipo de términos amósanse como instrumentos máis cargados de xénero, clase, nación, raza e cultura. Maricafobia, bollofobia ou plumofobia son utensilios antisistémicos que desestabilizan, incordian, estorban e non soan ben pra o 90% da xente que aspira a dicirnos que as violencias transmaribibollofóbicas son “accións individuais inconexas e descontextualizadas de xente sen conciencia que non sabe o que fai”. Pois non. Se descafeinamos as opresións e os términos asociados verémonos enfangadas nun glosario totalmente colonizado que non nos é útil pra cada momento histórico. Os términos non nos salvarán por sí mesmos, mais reapropiarnos deles e velos útiles na loita colectiva sí.











