Chegan os pagos co móbil
Móbil? Carteira? Chaves? Somos moitas as que antes de saír da casa revisamos os petos para comprobar se levamos connosco eses tres artigos básicos, mais este xesto podería ter os días contados: máis cedo ca tarde bastará con levar unicamente o teléfono. Isto será posíbel grazas á combinación da tecnoloxía de comunicación a curta distancia NFC e os lectores de pegadas dixitais, cada vez máis habituais nos smartphones de todas as gamas. O NFC permite establecer comunicación entre o noso teléfono e outros dispositivos (un TPV para pagos, unha pechadura que queremos abrir…), mentres que o lector de pegadas dixitais encargarase de identificarnos para autorizar as operacións (pago, apertura da porta…), resultando un sistema moito máis seguro ca os códigos PIN, o mecanismo máis habitual cando facemos pagos con tarxeta.
Na actualidade non hai moitas empresas que ofrezan estes servizos de pago co móbil no noso país; das poucas que o fan, o BBVA e Vodafone son as máis destacadas. Mentres que o servizo que ofrece o BBVA é exclusivo para as clientas dos seus produtos bancarios, a operadora británica permítelle ás súas usuarias ter virtualizadas todas as súas tarxetas bancarias, con independencia da entidade emisora, na aplicación Vodafone Wallet, unha carteira virtual coa que poder pagar co móbil nos terminais compatíbeis dos comercios.
Porén, a práctica exclusividade da que gozan arestora estes dous servizos comezará a desaparecer en breve, pois ao longo deste 2016 está previsto que cheguen ao noso país fortes competidores, como Google con Android Pay (que virá preinstalado en todos os teléfonos Android) e as alternativas de diferentes fabricantes. Entre estas, destacan Apple Pay e Samsung Pay, este último cun importante acordo de implantación con Abanca, que sen dúbida será de especial relevancia para a súa potenciación entre a poboación galega.
Con independencia de que elixamos usar a alternativa do fabricante do teléfono, do banco ou da operadora; os pasos para facer pagos móbiles serán moi semellantes: só teremos que abrir a aplicación de pagos elixida, seleccionar a tarxeta na que queiramos cargar o gasto, achegar o móbil ao terminal de cobro (TPV) e autorizar a transferencia coa nosa pegada dixital. Así de fácil, e sen ter sequera que sacar a carteira do peto… ou da casa.









