O día que visitei a Favela de Santa Marta
O pasado mes de setembro fomos até Río de Janeiro nunha viaxe con moito de sentimental. Aló naceu a miña nai mentres os meus avós buscaban a vida como tantas e tantas familias galegas nos anos máis negros da emigración, e aló viviu durante os seus primeiros dez anos de vida, cando decidiron voltar a Galiza.
Río é unha cidade espectacular, "maravilhosa" e chea de contrastes, para min a mellor de todas as que levo visto. Ten unha parte cunha imaxe moi explotada froito desa postal turística que Brasil vende ao mundo e que todas temos na cabeza, mais tamén hai outro Río que é preciso explorar para formar o puzzle da cidade e entender a súa ideosincrasia. Parte dese "outro Río" son as favelas.
Todas temos en mente unha imaxe determinada das favelas, pero a realidade non é tan sinxela. Por poñer algo de contexto, cómpre indicar que as favelas son asentamentos contruídos nas ladeiras dos diferentes "morros" que rodean Río. Cada barrio acomodado ten ao seu lado a súa favela, que foron (e van) medrando conforme persoas incapaces de pagar os altos prezos da vivenda noutros sitios foron construíndo as súas casas como puideron, combinando madeira, tixolo e "uralita", nunha imaxe caótica e colorida. Estes labirínticos espazos serviron tamén para que, a partir da década dos setenta, diferentes bandas de narcos fosen tomando o control e aumentase a violencia e unha imaxe de marxinalidade que, aínda seguindo hoxe presente, tenta mudar aos poucos grazas ás diferentes "pacificacións" e ao florecemento de iniciativas sociais e culturais que están a transformar a vida nas favelas. Con todo, e malia eses esforzos, de cando en vez segue habendo tiroteos que empañan o soño dun futuro mellor para Río de Janeiro a curto prazo.
Coñecer de preto unha favela era unha das cousas que tiñamos na nosa listaxe de cousas a facer no Río, non co morbo das "visitas" que ofrecen algunhas axencias locais consistentes en subir turistas nunha furgoneta por unha estrada próxima sacando fotos como se se tratase dun safari. Nós o que queriamos era coñecer os diferentes proxectos sociais e culturais que se están a desenvolver e ver que podíamos aportar nós e que podíamos aprender para os nosos diferentes ámbitos de traballo. Por iso descartamos os tours, e logo de investigar un pouco, decidimos que a mellor opción era visitar a Favela de Santa Marta, unha das pacificadas e nas que máis proxectos sociais e culturais se están a desenvolver, así como tamén unha das máis "seguras" en canto ao grao de receptividade de visitas alleas á comunidade.
A planificación comezou unhas semanas antes de coller o avión para alá. Para iso falamos con Bruno, amigo da familia (e, por certo, tamén guía local), quen se comprometeu a tentar organizar unha visita a Santa Marta. A escasos días de partir chegounos a noticia da aparición dun fusil pendurado da icónica figura de Michael Jackson (logo falaremos disto), a modo de declaración de guerra, o que nos levou a poñer en "stand by" a visita á mesma até que, finalmente, o último día da nosa estadía en Río puidemos achegarnos, acompañados por Bruno e tamén por Salete, habitante da comunidade de Santa Marta.
Chegamos a pé á Praça Corumba, situada na parte baixa do Morro de Dona Marta, ás portas da favela. Aló quedáramos con Salete, que tras as presentacións deunos instrucións do que deberíamos e non deberíamos facer, a modo de consellos para termos unha visita segura. Isto que implica? Pois o máis obvio e lóxico, respetar, mais tamén ter unha actitude segura de nós mesmas: "se encontrarmos alguém com uma arma na mão, não nos assustamos, como se isso fosse normal para nós". Con ela iniciamos o camiño cara o interior favela, a través dunha rúa chea de postos nos que se vendían todo tipo de cousas, a modo de feira improvisada (froita, verdura, cacharrada varia... ), até que chegamos á "Estação 1" do Plano Inclinado de Santa Marta; trátase dun servizo gratuíto a medio camiño entre un funicular e un ascensor que, a través de cinco estacións e un cambio de vehículo no medio, nos permite chegar até a cima do morro. Conforme fomos subindo puidemos ir apreciando a magnitude da comunidade de Santa Marta, diferenciada claramente en tres zonas, e obtendo unha espectacular perspectiva de Río de Janeiro, desde o Cristo Redentor ao Pão de Açúcar.
Na parte alta de Santa Marta atópase a Pracinha do Pico, e desde aló subimos unhas escaleiras que nos levaron cara o edificio da UPP, a Unidade da Policía Pacificadora, encargada de manter a "tranquilidade". Na parede deste edificio situada do lado da favela contábanse ducias de impactos de bala, conservados baixo un colorido mural símbolo do cambio que está a experimentar a comunidade. Volvemos sobre os nosos pasos cara a pracinha e paramos ao lado dun campo de fútbol falar cuns nenos que se nos achegaron co interese de saber de onde éramos e convidarnos a xogar con eles ao balón; eles formaban parte dunha escola de fútbol, outro dos proxectos que se están a desenvolver para manter aos pequenos afastados dos problemas que viven no seu entorno.
Aí comezamos o noso descenso, a través de empinadas rúas estreitas, rampas e escaleiras construídas en formigón entre paredes de tixolo e murais de cor. Sobre as nosas cabezas cruzábanse, dunha maneira caótica, centos de cables de luz e rede que levan electricidade e WiFi gratuíto a toda a comunidade, froito doutro proxecto para mellorar as condicións de vida da comunidade. Durante a baixada fomos atopando con todo tipo de xente nos seus quefaceres diarios (persoas que ían traballar, xente que volvía coa compra...); algúns deles paráronos para falar e contarnos sobre a vida aló, cantos eran na familia (un neno falounos dos seus catorce irmáns, todos convivindo na mesma casa) ou ofrecernos algún tipo de artesanía.
Seguimos o camiño marcado por Salete até que chegamos a outra "pracinha", coñecida pola súa estatua homenaxe a Michael Jackson. Michael gravou aló en 1996 varias escenas do videoclip 'They don't care about us', e a comunidade de Santa Marta quedou moi agradecida co artista, adicándolle o espazo no que entoaba parte da letra. "Eu apareço no vídeo do Michael", díxonos unha señora que quixo que entráramos no seu local para ver o clip e amosarnos a escena exacta na que saía ela.
A historia de Michael en Santa Marta tamén ten a súa parte de controversia, pois o famoso narco Marcinho VP foi quen se encargou persoalmente da seguridade do ídolo pop durante a gravación, que durou apenas unha hora (se vos interesa o tema, tedes máis info nesta ligazón). E se falamos de controversia, tamén temos que facelo da súa estatua, que nos últimos anos sufriu diversos actos vandálicos e serviu de punto de "presión" nas loitas entre bandas.
Desde a varanda da pracinha adicada a Michael tíñase unha boa perspectiva do tamaño da favela e os seus tellados, moitos deles convertidos en terrazas nas que se organizan churrascadas cando vai bo tempo, e nas que os nenos xogaban con cometas construídas con bolsas de plástico. Desde ese punto continuamos o noso descenso polas estreitas rúas da favela. "Tudo bem?" "Tudo bem". Esa era a clave que nos indicaba que por ese camiño baixabamos seguras, e así fomos camiñando até chegarmos á Praça Cantão, outro dos puntos emblemáticos de Santa Marta grazas ao proxecto "Favela Painting", ideado polos artistas Hass and Hahn.
Na praza concentrábase bastante xente e, segundo puxemos un pé nela, produciuse un silencio (que logo entenderíamos) que nos fixo sentir un pouco incómodas, polo que non paramos moito tempo aló. Seguindo rúa abaixo chegamos até a Escola de Samba; a samba é, xunto co fútbol, outra das actividades que axudan a construír unha sociedade afastada da violencia e abrir un futuro mellor para as habitantes da favela. Rematada a visita á escola, que por cuestión de minutos non puidemos ver en pleno ensaio, chegamos ao que fora o noso punto de partida, moi próximos á Estação 1, onde nos despedimos de Salete. Xa nós sós percorrimos os últimos metros de rúa que nos levaron fóra da comunidade de Santa Marta, de volta á Praça Corumba.
Así concluíu unha das experiencias máis enriquecedoras de toda a nosa viaxe e quizais da vida: a visita á favela de Santa Marta resultou imprecindíbel para poder coñecer de preto algúns dos proxectos que aló se están a desenvolver e a vida no outro Río de Janeiro, o de milleiros de persoas que viven nas diferentes comunidades dos morros que rodean a cidade. O único que botamos en falta foi non dispór de máis tempo para compartir con algunhas persoas coas que puidemos falar, pero iso vai ter que quedar para a próxima.
--
A anécdota: cando chegamos á parte alta da favela cruzámonos cunha patrulla da UPP saíndo nunha operación. A verdade é que non nos sorprendeu en exceso o armamento que levaban enriba, pois é bastante habitual ver policía fortemente armada en todo Río. Non os volvemos ver durante toda a visita e, como comentei antes, o "tudo bem" foi marcando o noso percorrido pola favela abaixo. Todo o camiño? Ben, realmente non, xa que nalgún punto entre a estatua de Michael Jackson e a Praça Cantão a resposta foi que "não", e quen nos facía de guía reorientou o camiño de baixada sen que apenas nos tivéramos percatado. Rematada a visita, saímos da comunidade pasando por diante da patrulla policial que vixiaba a entrada á favela e cando non levábamos camiñado nin 100 metros fóra da favela sentimos, tras de nós, uns dez ou quince disparos, o que nos fixo entender que tanto a policía como a banda sabían da nosa presenza na comunidade e agardaron a estarmos fóra para actuar. Afortunadamente, como puidemos saber despois, non houbo que lamentar vítimas.











