Helen Frankenthaler cores diluídas na abstracción
Helen Frankenthaler cores diluídas na abstracción
Frankenthaler: Ás veces, para un artista, a evolución estética chega de súpeto, con urxencia sutil. Fronte ao esquecemento intencionado decretado sobre as mulleres artistas, de cando en vez algunha ten tanto vigor que é recoñecida en vida polos demais artistas e a sociedade. Helen Frankenthaler é un deses casos, de forza creadora. Estes meses o Museo Guggenheim Bilbao presenta unha ampla antolóxica das súas pezas; a segunda mostra sobre a mesma artista nos seus poucos anos de vida.
Frankenthaler, OpenWall, 1953
Helen Frankenthaler: Pintura sin reglas. Museo Guggenheim Bilbao. Color Field Painting
Cada vez tardo máis en coordinar o pulso, a mente e o espírito, para logo ceibar todo acorde, xa comprendes. Teño que obrigarme a retomar as rutinas que permitirán a ledicia ou a liberdade. Para recuperala, estiven a facer unha morea de paisaxes e mais de mariñas, un dos meus vellos praceres habituais. Quedo pampa contemplando as extraordinarias mareas pola fiestra e como os cons mudan formas e cores, e disfruto sentándome aí e plasmando todo nun lenzo cada hora. (H. Frankenthaler, Carta a David Smith, escultor abstracto, 9/8/1963).
O Museo Guggenheim Bilbao, verdadeiro motor cultural da capital biscaíña, volve presentar outra exposición temporal de moi alta calidade e destacado interese. Desta volta está dedicada a unha muller artista -esta institución leva anos traballando por dar visibilidade a tantas e tantas mulleres artistas que foron esquecidas á mantenta-. Helen Frankenthaler: Pintura sin reglas presenta ao público unhas 30 pezas desta sinalada artista, así como outras obras máis de artistas compañeiros seus como é o caso de Jackson Pollock ou Marc Rothko, Davis Smith, Robert Motherwell ou Anthony Caro. Nunca antes se fixera en España unha exposición tan extensa e completa sobre esta artista de creacións abstractas.
A antolóxica Helen Frankenthaler: Pintura sin reglas presenta á sociedade bilbaína dúas obras importantes da artista que son dúas adquisicións recentes do propio Museo Guggenheim: Réquiem, de 1992, e Santorini (1965); campos de cores para reforzar a traxectoria artística desta muller que foi quen de ser recoñecida en vida como artista importante, sendo muller.
A vitalista mostra Helen Frankenthaler: Pintura sin reglas está organizada pola Fondazione Palazzo Strozzi de Florencia e mais a Helen Frankenthaler Foundation (Nueva York), en total colaboración co Museo Guggenheim Bilbao; e conta no comisariado con Douglas Dreishpoon, o director do catálogo razonado da propia artista, Helen Frankenthaler. Todo un luxo. Helen Frankenthaler (1928-2011) foi unha artista plástica que formou parte do se coñece como a Segunda Escola de New York, é dicir, Frankenthaler vén sendo como a herdeira dos traballos que nos anos 50 e 60 executaron artistas do chamado Expresionismo Abstracto, nado xusto a cabalo da Segunda Guerra Mundial; os seus membros tamén son coñecidos como os Pollock Boys, dando a entender que o máximo representante dese heteroxéneo movemento foi Jackson Pollock. Para esta fornada de artistas (entre os que tamén había mulleres, como se encargou de destacar o Guggenheim Bilbao en mostras tan lembradas como Lee Krasner ou a espectacular Mujeres de la Abstracción; creacións abstractas de máis de 110 mulleres artistas) pesou moito a presenza dos máis significados nomes do Surrealismo europeo nos EEUU perante a Segunda Guerra Mundial e anos posteriores. Os Pollock Boys quedaron admirados do emprego de automatismos, xa na escrita, xa na plástica. De iso ás accións que eles se encargaron de elaborar -as action paintings- só vai un paso. E aínda máis a favor do proceso non-consciente de pintar co que denominaron o dripping, o goteo directo sobre o lenzo, sobre o papel. Desde hai uns anos comezan a saír do prelo traballos que demostran que os Pollock Boys foron empregados pola CIA para os seus enfrontamentos coa URSS e as propostas comunistas (por exemplo, La CIA y la Guerra Fría Cultural, de Frances Stonor, entre outros).
Frankenthaler. Santorini, 1965
A H. Frankenthaler Foundation é unha institución creada á morte da artista e que vela pola promoción do seu nome e obras, así como a promoción de novos artistas que comezan os seus vieiros artísticos. Como xa se dixo anteriormente, Frankenthater pertence a unha segunda remesa de artistas desa diversa Escola de New York. Polos seus xeitos de traballar a autora de Provincetown Series xa non practicou tanto as action painting; ela é máis coñecida por preferir o que se denomina Color Field Painting (Campos de Cores), acompañando a outros creadores máis coñecidos (entre outras cousas porque son homes) como Marc Rothko, de quen agora se gaba moito a súa Rothko Chapel, centro de meditación e de espiritualidade. Con 23 anos (1952), Frankenthaler elaborou a obra Montains and Sea, que actualmente está considerada como a peza rachadora, a obra que lle permitiu abandonar resaibos de cubismo e outras vangardas e centrarse xa nas prácticas de Color Field Painting.
No ano 1998, acabado de inaugurar este Museo Guggenheim Bilbao, celebrou a exposición temporal Después de ‘Montañas y mar’: Frankenthaler 1956–1959. Foi esta a primeira exposición monográfica dedicada en España a unha muller artista? Non só a Frankenthaler, senón a calquera outra. Se non foi a primeira, foi das que comezaron a virar os ollares cara as creacións das mulleres artistas, tan silenciadas polo patriarcado. Queda claro, xa que logo, o compromiso desta institución coa consecución de mostrar e dar visibilidade ás mulleres artistas, relegadas á mantenta polo patriarcado.
Cómpre lembrar, tamén, que en 1943 e New York Peggy Guggenheim presentou na súa galería a mostra Exhibition by 31 Women, toda unha fita na escolla de mulleres artistas. O ano pasado a Fundación Mapfre presentou unha reprodución desa tal exposición: 31 Mujeres. Una exposición de Peggy Guggenheim. Nas salas de Mapfre en Madrid estiveron representadas as mesma 31 mulleres de 1943, aínda que non así as mesmas obras (en parte por non quedar constancia das que se exhibiron en New York). E na actualidade, Frankenthaler comparte os espazos do edificio de Frank Gehry coas creacións doutra gran artista, a brasileira Tarsila do Amaral.
Frankenthaler. Moveable Blue, 1973
Helen Frankenthaler: Pintura sin reglas. Técnica soak-stain (enchoupar e lixar)
Creo na tradición. A miña educación baseouse en Cézanne, no cubismo analítico de Picasso e Braque, en Kandinsky, Miró, Gorky, Pollock e moitos contemporáneos. Tamén aprendín a apreciar os mestres do pasado, do século XV, o Renacimiento, a carón da obra dos meus contemporáneos. Ás veces, para un artista, a evolución estética chega de súpeto, case sen avisar, con urxencia sutil, unha sorpresa planeada inconscientemente. Hai un orden natural. (H. Frankenthaler).
Helen Frankenthaker naceu no seo dunha familia rica e culta, razóns polas que tivo unhan esmerada educación. Nos seus estudos de arte, feitos en academias de New York, coñeceu e soubo da importancia dos modernos mestres europeos: Paul Cézanne, Pablo Picasso ou Henri Matisse. Dos volumes de Cézanne (“a nai de todos nós”, a dicir de Picasso) soubo captar a importancia das cores planas e sinxelas das súas paisaxes, por exemplo; volume e cor, de Matisse, ou estruturas definidoras do primeiro cubismo.
Con todo, por biografía e xeografías a autora de Open Wall (1953) viviu e bebeu as súas prácticas pictóricas a carón dos e das artistas do Expresionismo Abstracto (De Kooning, Kline, Pollock, ...). Por iso o seu compás estético é debedor do surrealismo que tantos profesionais levaron desde Europa aos EEUU cando fuxiron das censuras e represións nazis executadas a partires dos anos 30. (Nestes meses en Caixaforum Barcelona está instalada a mostra Temps Incerts. Alemanya entre Guerres, onde se recrea a deriva que a vida cultural -e non só cultural- de Alemaña sofre entre o esplendor perante a República de Weimar e os inicios do Nazismo; con reflexións sobre paralelismos co presente actual). Mais os seus xeitos de traballo, a pertenza á unha segunda fornada de artistas, permítelle xa non ter que practicar xestualidades violentas, xa sobre os lenzos, xa sobre as figuras. Os seus modos de pintar denotan que sabe crear superficies fluídas, con transparencias, nas que as cores vagan polas telas empregando unha boa combinación de formas e improvisación. As súas obras coñécense ben polo lirismo das cores, pola sintonía entre técnica e azar. Dos expresionistas abstractos tomou a liberdade e as actitudes nada convencionais da plasticidade, o uso da intuición.
Helen Frankenthaler foi unha peza fundamental -a carón de Rothko e outros artistas- na transición do que hoxe se coñece como Expresionismo Abstracto, movemento artístico que xurde inmediatamente despois da II Guerra Mundial e a evolución cara os Color Field Painting que viñeron a seguir. Dentro desta tendencia e técnica, Frankenthaler diferenciouse por empregar habitualmente, e ser inventora, do soak-stain, a práctica de “enchoupar e lixar”. O xeito de actuar da autora de Requiem consistía en deitar grandes lenzos no chan do seu estudo, e sobre eles -sen imprimación previa algunha- guindar pintura diluída, que se espallaba polas telas. Deste xeito lograba efectos moi similares ao que se logra coa técnica da acuarela. Ao comezo da súa especial práctica artística, empregaba sempre pintura ao óleo, pero con posterioridade tamén usou a pintura acrílica.
A peza que foi o debut do soak-stain foi Montañas y mar (1952), obra fundacional. O lenzo, grande e lixeiro, revolucionou o mundo da arte abstracta. A tal técnica permitía que as cores se estendesen por toda a tela, creando un efecto etéreo e cheo de matices. Algo así como a firma de Frankenthaler. Traballar o soak-stain tiña os seus rituais: os lenzos non podían estar tratados, para así permitir absorber ben as cores. Os óleos diluíaos con augarrás e outros produtos que facilitaban a expansión das pinturas polas grandes telas. Unha vez tiradas as pinturas sobre o soporte, viña a intervención da artista: empregaba as máis diversas ferramentas para manipular as cores (pinceis, esponxas, rodetes, trapos para estender as pinturas, os dedos, etc.).
Esa técnica (soak-stain), tan propia de Frankenthaler, tivo continuidade noutros artistas e ten actualidade, aínda que en cada caso as fórmulas poden variar. Entre tantas e tantos que se poden citar, hai un creador especial, novidoso: Jorge R. Pombo. Este artista, bo coñecedor da arte europea, segue atraído polas liberdades que lle aportan as aprendizaxes do expresionismo abstracto, dos automatismos que se fan atractivos e que transportan na súa irracionalidade o xermolo da Liberdade. O que realmente lle importa a Pombo é o proceso creativo, o tratamento da pintura sobre unha superficie plana para, dese xeito, pretender reproducir a realidade visible. De todas as posibles influencias e atractivos xeitos de aproximarse ao xeito creativo pictórico, a Pombo foille quedando como eixo das súas teimas a pintura, en singular e en cores.
Frankenthaler. Requiem, 1992
Helen Frankenthaler: Pintura sin reglas. Experimentación. Emotividades
Sleep is 20 / remembering the / insignificant flamenco dancer / in Granada / who became / important as you watched / the mountain ridge / the dry hills / What an idiotic number! / Sleep is twenty / it certainly isn’t twenty sheep / there weren’t that many in the herd / under the cold crest of Sierra Nevada / It’s more like 20 Madison Ave. Buses / while I go droning away at my dream life / Each episode is important / that’s what it is! Sequences — / I’ve got going a twenty-act drama / the theatre of the active … (Barbara Guest, 20).
A poeta Barbara Guest (1920-2003) foi un membro da Escola de New York, e estivo moi relacionada coa pléiade de creadores do Expresionismo Abstracto. Neste senso, coñeceu a Frankenthaler e poida que entre as pinturas dunha e os versos de outra haxa correntes empáticas e sincrónicas. O poema 20 (do que se presenta aquí un anaco) vén sendo todo un xogo entre os soños e as realidades, coa cidade de Granada e mais o flamenco como lenzo sobre o que riscar os seus irregulares e dinámicos versos. Helen Frankenthaler e mais Robert Motherwell, un dos pintores principais pintores do expresionismo abstracto, casaron en 1958. Pouco despois alugaron unha casa en Alassio (a Liguria), e alí pintaron moito, inspirados no sol e mais no mar, como a artista expón nunha das cartas que lle envía ao escultor e amigo David Smith.
Frankenhthaler empregou as cores como parte da súa linguaxe plástica; unha linguaxe emocional. Por iso en moitas das súas pezas semella haber alusións ás creacións do Kandinsky máis expresionista, da súa etapa do “Do Espiritual na Arte”. Acontece esa emotividade colorista en moitas das súas obras. En Alassio (1960), pintada na Liguria, as cores flúen polo lenzo, con sensacións de movemento, de tensión, que permiten transmitir sensacións do etéreo, de volatilidade; un universo persoal de galaxias en cores primarias que se atraen en remuíños vitalistas e sensibles. Os campos de cores como experiencia visual e lúdica. Máis adiante, a autora de Open Wall creou moitas das súas pezas sobre papel, seguindo coa técnica de soak-stain.
A antolóxica Helen Frankenthaler: Pintura sin reglas unha pequena viaxe para os espíritos sensibles, sensitivos e solidarios.
EXPOSICIÓN: Helen Frankenthaler: Pintura sin reglas
ata o 29 de setembro de 2025
M. Rothko. Untitled, 1949