"Substitución" vs. "Reparación SAT" vs. "Reparación DIY" [ou, cómo aforrar uns € reparando un microondas (experiencia persoal) ]
Acostumados como estabamos, durante a época de "vacas gordas", a tirar cos trebellos ao mínimo fallo que tivesen, agora iso convertiuse nun luxo (para a grande maioría) e a tendencia actual é a de "estirar" a vida útil dos mesmos o máximo posible.
Últimamente vense moitas reportaxes nos medios de comunicación que se fan eco deste comportamento da sociedade na que vivimos. Oficios tan antigos e nobles como o de zapateiro, costureira,... volven a estar moi solicitados. Tamén se escatima máis na compra diaria e no mantemento dos vehículos e aparatos domésticos.
Pois ben, aproveitando que, recentemente, se nos estropeou o microondas da casa, decidín facer un pequeno estudio da viabilidade da reparación fronte á substitución.
O aparato en cuestión non era un modelo de "marca de prestixio" (de feito era de marca branca dunha cadea de supermercados), pero tampouco era un modelo dos máis ruíns. Cando foi mercado, haberá uns 6 anos, custou arredor de 90€.
Os síntomas da avaría era que, anque o programador, o motor e a lámpada funcionaban correctamente, non quentaba en absoluto.
A primeira medida foi consultar cun técnico cal podería ser o fallo e se recomendaba a reparación.
En todos os negocios de reparación onde se consultou a resposta foi a mesma: Polos síntomas, as causas da avaría poden ser dúas, o magnetrón ou o fusible de alta.
Os custes da reparación, en función de cal fose a causa, variaban entre os 25€, se símplemente había que cambiar o fusible, e os 75-90€ (dependendo do sitio) se había que cambiar o magnetrón. E, en todos os establecementos había unha cota mínima duns 20€ por presupostar a reparación, que se descontaría do custo da reparación se era levada a cabo. O curioso era que, os mesmos reparadores non aconsellaban realizar a reparación "porque existían modelos máis económicos no mercado" (que, por suposto, eles vendían).
Aproveitando, pois, que volvimos polo establecemento onde fora adquirido o aparello avariado, consultamos os prezos dos modelos equivalentes e, sen moita sorpresa, comprobamos que non variaran. En vista da necesidade e das recomendacións dos técnicos consultados, decidiuse mercar un novo microondas, da mesma marca e as mesmas características.
Mais non quedei contento coa solución e decidín seguir investigando para determinar se, realmente, esa era a mellor opción.
Partindo dunha premisa básica: a reparación debería poder acometela unha persoa sen ningún coñecemento de electrónica, unha mínima cultura xeral (saber que é un parafuso, un fusible...) e sen ferramentas específicas.
O primeiro que se ataca en estes casos é a Internet. Buscando documentación sobre reparación de microondas, consultando foros que fixesen mención á avaría, tratando de atopar unha guía "paso-a-paso para non iniciados"... o que conseguín foi corroborar os diagnósticos que me foran dados previamente polos servizos de reparación.
Tendo esa parte clara, tocaba atopar unha solución. Dado que a idea fundamental era que unha desas dúas pezas (magnetrón ou o fusible de alta) estaría danada e debía ser substituída, o seguinte paso era a identificación das mesmas no aparato.
Con coidado (e algo de medo/respeto) e un desparafusador de cabeza philips de 6 (o mesmo que uso para desmantelar as torres dos PC) desmontei a cuberta metálica do microondas.
Dentro, aparte dun montón de migas que se foron coando polos buratos de ventilación, atopei o que resultou ser un (relativamente) sinxelo circuito, colocado no lateral dereito do aparato.
[[posterous-content:vuedBetRSgSsHLvXu0Du]]
Cun pouco de lóxica e algo de sentido común, algúns elementos poden ser identificados de xeito doado:
- O transformador eléctrico será o que ten a etiqueta de aviso de alta voltaxe en vermello.
- O panel branco que coincide no mesmo lateral onde se localizan os botóns e a pantalla será o circuito electrónico.
- A petaca gorda que está ao lado do transformador semella ser un condensador.
Despois quedan outros elementos que xa son máis difíciles de identificar, pero un deles destaca sobre os outros: a mole metálica que semella outro transformador. Aplicando a lóxica, ese debe ser o xerador de microondas. Cunha rápida busca en Google Images confirmamos a suposición.
Atopada unha das pezas conflitivas, queda localizar o fusible. Curiosamente, ao lado do magnetrón, na parte superior do aparato, hai unha plaquiña cuns cantos compoñentes electrónicos e, un deles, semella un fusible. Ademáis, ten varios cables que entran e saen dese circuito, un dos cales acaba na zona do magnetrón.
[[posterous-content:ZOSiUyn0ywynrqPoyz7G]]
Será este o fusible? Non sei...
Terceiro paso: localizar pezas de reposto.
Outra parada na Internet, desta vez en "modo compra", levoume (non sei moi ben por qué) a ebay. Alí algún magnetrón se atopa, pero tamén me decatei que non son todos iguais e que non é unha peza cun prezo trivial como para andar "supoñendo" se vale ou non (e moito menos cando a peza se envía dende Alemaña, ou UK).
Cambiando os criterios de busca, atopei varias empresas adicadas á distribución de compoñentes electrónicos, anque ningunha que distribuíse directamente o modelo exacto que viña instalado no aparato.
Un pouco frustrado polo pouco que avanzara, din cunha empresa que tiña delegación (relativamente) preto. Non venden por Internet, polo que debía agardar á seguinte ocasión na que me coincidise pasar por alí para achegarme á tenda e, por recomendación do empregado que me atendeu por teléfono, achegar a peza para atopar unha "compatible" (distinta marca, pero idénticas características de anclaxe e funcionamento).
A viaxe fíxose esperar, pero un par de meses despois daquela chamada apareceu a ocasión e puiden facer a compra. Aproveitei tamén para mercar un fusible coma o que localizara, por se non era cousa do magnetrón. Total: o PVP das dúas pezas roldaba os 33€, pero o empregado que me atendeu foi tan amable de aplicarme un desconto e, as dúas pezas saíronme en 28,08€ (prezo para instaladores).
Xa na casa, a ilusión tornou en decepción ao comprobar que ningunha das pezas que mercara resolvía o problema.
A piques de tirar a toalla e, dado que xa se solucionara a necesidade doméstica meses atrás coa compra de outro aparato, volvín a botarlle un ollo ao trebello e din con algo que se me pasara ou que, ignorante de min, non considerara importante.
Entre o transformador e o condensador hai outra peza que os conecta. A peza ten unha cuberta de plástico branca da que saen, por cada extremo, un cable que remata, respectivamente, no trafo e no condensador.
Semella unha peza de extracción doada. Unha vez fóra do circuito, comprobo que a cuberta plástica ten unha etiqueta que indica: 5KV e 0.75A. Outro fusible!
Retirando a cuberta plástica verifico que se trata dun fusible (en concreto, o dichoso fusible de alta) e que, efectivamente, está fundido.
Volta a empezar coa busca de pezas de substitución. Tanto en ebay coma en outras tendas en liña (na que se inclúe amazon.co.uk), os prezos rondaban os 3€, aos que lle había que sumar os gastos de envío.
Seguramente, a tenda na que adquirín as outras pezas tamén tería recambio para esta, pero o mero feito de desprazarme ata aló só por ese motivo encarecería demasiado a operación.
Ocorreuseme, pois, volver ás empresas da zona ás que xa acudira ao principio para consultar a viabilidade da reparación.
Na primeira que preguntei tiñan recambios para fusibles de alta de microondas, pero traballan só cunhas marcas (de prestixio) e non me garantizaban que valese. O prezo: 15,50€.
Na segunda que preguntei (que, precisamente, fora a que me recomendara non reparar e optar por mercar) tamén tiñan, anque ningún exactamente dos valores do estropeado. Non obstante, amablemente indicáronme que un fusible dunha amperaxe lixeiramente superior non debería ter problema, e dado que tiñan un de 5KV e 800mA cos conectores exactamente iguais ao que eu levaba, decidín probar sorte. O prezo: 6€.
[[posterous-content:uVddXjjx6YwRi20Gfq8q]]
[Na parte superior, o fusible estropeado de 5KV e 700mA. Na inferior o substituto de 5KV e 800mA]
Finalmente, a substitución desta peza solucionou a avaría e o microondas volve a funcionar.
O tempo que se tarda en abrir o microondas, desmontar as pezas, substituilas polas novas e volver a montar a cuberta non chega a unha hora.
Repasando os gastos desta proba, temos:
- A compra dun aparato novo, de características o máis parecidas ás do avariado: 90€.
- Valor mínimo dun microondas, novo: arredor dos 45€.
- Estimación máxima da reparación por parte dun técnico: 75-90€ (magnetrón).
- Estimación mínima da reparación por parte dun técnico :25€ (fusible alta).
- Valor do presuposto: 20€.
- Valor da peza que solucionou a avaría: 6€.
- Gastos totais no intento de reparar a avaría eu mesmo: 34€.
Poderíase establecer que, pese a ir a cegas no intento de reparación e mercar pezas que non eran necesarias, a reparación na casa resulta máis económica ca mercar un aparato novo.
En canto a se compensa ou non tratar de reparar o aparato na casa en lugar de confiarllo a un técnico... Bueno, as pezas poden ser máis baratas se as mercas ti, pero saber que peza mercar e ir a tiro fixo... a experiencia e os coñecementos técnicos... iso ten un valor.