Pregunta Queimas Penamoa 29-08
O pasado día 26 de agosto produciuse unha nova queima en Penamoa na zona das Casas Brancas onde se asentaba o poboado chabolista. Alertados pola veciñanza, os bombeiros tiveron que acudir por enésima vez a apagar o lume. Esquerda Unida denuncia o deixamento e permisividade do goberno municipal diante das reiteradas queimas en Penamoa. Así, segue sen dar solución a un problema recorrente como é a utilización dos descampados da zona por bandas de delincuentes para realizar queimas de cables que subtraen das infraestruturas eléctricas públicas e privadas, para desprender a cobertura plástica e separala do corazón de cobre do cable. Estas queimas de chatarra e plásticos producen forte cheiros e densas columnas de fume negro, sinal inequívoca da súa toxicidade. O voceiro de EU-V, César Santiso, indicou que “a inacción do goberno do PP en relación coas constantes queimas de chatarra en Penamoa está a por en risco a saúde da veciñanza do Ventorrillo”, un problema que en lugar de diminuír está a incrementarse debido a que os desaprensivos utilizan as moreas de terra achegadas polo Concello para agachar estas actividades delitivas, e todo iso apesares das constantes queixas e denuncias das veciñanza. “Esta falta de preocupación pola saúde da cidadanía amosa o absoluto desprezo do goberno do PP polos problemas dun barrio que leva décadas abandonado a súa sorte. Temos que rachar coa pasividade amosada polos distintos gobernos, tanto de PSOE como de PP, para co sufrimento dos veciños e veciñas do Ventorrillo”, declarou César Santiso. Ademais dos problemas de saúde, a continua realización de queimas provoca a degradación dos terreos da zona que presentan en algunhas zonas extensións de color negro totalmente contaminadas polo plástico queimado. Asemade, non entendemos como o Goberno Municipal e a Delegación do Goberno permiten a realización dunha actividade que por unha parte facilita o negocio aos vándalos que sabotean as infraestruturas eléctricas, e por outra supón un importante custo para as Administracións xa que provoca un elevado número de intervencións dos bombeiros para apagar as queimas. O grupo municipal de Esquerda Unida – Os Verdes, a través dunha iniciativa plenaria, insta ao goberno municipal a desenvolver as medidas necesarias para evitar as queimas incontroladas en Penamoa, concretamente efectúa as seguintes preguntas: “1.- Ten previsto o Goberno Municipal algunha medida para evitar que os delincuentes utilicen os descampados de Penamoa para realizar as queimas do cable roubado das infraestruturas eléctricas? 2.- Cantas foron as intervencións que realizou o Corpo de Bombeiros no último ano na zona de Penamoa e cal foi o custo estimado das mesmas?”














